11/12/12

Relato de creación de Laura (membro do club), ilustra: Yago López


Pes descalzos
É curioso ver como o sangue comeza a coagularse só minutos despois de que se produza a ferida, eu observaba, curiosa. Gustábame a sensación de poder, ser ti a que elixe se alguén se vai ou queda… En ocasións bótoo de menos.
Era o meu décimoquinto aniversario, a miña mellor amiga elixira unha presa para ir cazar, unha presa perfecta para min. Escondémonos tras dos arbustos e agardamos a hora.
-Non teñas piedade- recordoume Marga-, a piedade é dos débiles.
O meu agasallo de aniversario chegou, mirando ao chan e aos lados, expectante. Agardamos o intre xusto. Marga asubiou, as dúas nos erguemos, saímos de entre as follas e ela deu o seu particular berro de guerra, “Que comece a caza!”. A miña presa pronto se asustou, nós saímos tras dela. Perseguímola por todo o monte, ebrias de adrenalina e ansia. Ao pouco, a pobre arfaba de cansazo e terror. Rozáraa cun dos meus disparos no ventre e ía deixando pegadas de sangue a cada pequeno paso que daba. A miña vítima perdía forza a cada segundo. Xa non podía máis, caeu no chan, co ollar perdido.
Quitei os zapatos para rematala, esa era a miña tradición. Só utilicei unha bala máis, que foi directa ao seu precioso cranio, entre os seus dous ollos, desfigurándoa completamente.
“Pobre Clara”, pensei por un momento, observándoa mentres Marga a envolvía en papel de agasallo para min.
Nese mesmo intre, un pequeno río de sangue, cálido e húmidon alcanzou os meus pes descalzos.
Laura Casal Tizado

Ningún comentario: