14/4/16

Viaxe a Coimbra Club de Lectura e ENDLG co Club de Lectura de Porto do Son 7-9 Abril 2016

Compartivos con vós o fantástico resumo da viaxe que publicou Sonia no blog da Biblioteca do IES do Porto do Son “etikeles“: “Atrás as boas lembranzas de Viana do Castelo, Porto e Guimarães. Un ano máis compartimos roteiros, lecturas, visitas guiadas e festa cos mozos e mozas do Aquis Celenis de Caldas de Reis, coas súas profesoras Marga e Ana. Por suposto, botamos en falta a Pedro, pero contamos con el para o ano que vén! De camiño, en Braga, procuramos fachadas románicas e manuelinas, esferas armilares, ruínas romanas, xardíns con arcadas góticas, violas, mercearías, a fermosa libraría Centésima Página -recomendámovos parar a tomar algo na súa terraza- e, por suposto, a Biblioteca Municipal. Pola tarde recibiunos o Mondego. Percorremos as rúas procurando fados, guitarras, as lágrimas de Inés de Castro na Quinta dos seus amores con Don Pedro, a Zeca Afonso ao pé da Sé Velha e o seu Grândola Vila Morena que nos cantaron ás profes no café que mira á igreja de Santa Cruz. Algo de festa á noitiña, pero pouca, porque á mañá seguinte volvemos camiñar pola cidade. Baixo a atenta mirada de Don Dinis, Paulo e Branca, guías da Cámara Municipal, descubríronnos recunchos, tradicións e monumentos. Ben simpáticos, sempre tan amables os nosos veciños, contáronnos das tradicións da Universidade de Coimbra: a Festa das Latas a comezo de curso para dar a “benvida” aos caloiros; o sentimento de identidade que aporta o traxe dos estudantes, as estritas normas do seu uso -mesmo os castigos polo incumprimento- e os amores e desamores das longas capas; a vida dos estudantes nas “repúblicas”; os fados baixo as ventás das mozas; e a Queima das Fitas para pechar o ano curso. Un inesperado agasallo: na Casa dos Fados interpretaron para nós o Fado de Coimbra. Pola tarde, Cristina recibiunos no Paço das Escolas para visitar a Universidade no que fora Paço Real. Sorprendeunos coa beleza da Biblioteca Joanina e as salas, en especial, a Sala dos Capelos. Dende a torre, a cabra había soar dende a torre do reloxo para chamar ás aulas, mais a nós, permitiunos disfrutar unha vista privilexiada sobre a cidade. Para rematar, un novo xogo preguntando pola música, os libros, as películas, o bacallao e as palabras femosas! Pronto vos contaremos delas. Na noite de despedida si houbo festa! O sábado, xa de volta, ameazaba a chuvia, pero deixounos aínda pasear por Aveiro. Quen sabe se este non será o novo destino para o vindeiro ano!!!” aveiro Como en Aveiro chovía, a fotógrafa “oficial” non levou a cámara. Deixamos de mostra esta fermosa foto que nos enviou Katia Baldomero.

No hay comentarios: