09/02/11

EN SON DE PAZ. RELACIÓN DE TEXTOS (4-2-11)


Os textos:
Digo Viet nam e basta

Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremor de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.

Apenas digo nada.
Digo ianqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.
Digo Viet Nam e está xa dito todo
cunha soa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta.
Celso Emilio Ferreiro


"-¿Sabes como se fai? Se ves tres - dicíame Sasha orgulloso e didáctico coma un barbeiro-, non lle tiras nunca ó primeiro.Tíraslle ó último. E non lle tiras á cabeza, senón a unha perna. Así os outros dous teñen que parar e dar a volta. Demasiado tempo. Tíraslle a un á cabeza e o outro queda aterrorizado. Logo tíraslle ó outro. Ó primeiro mátalo tamén ou déixalo para que siga chamando polos compañeiros. Non é difícil. Non ten dúbida. Non con este trebello -dixo, mostrándome a súa carabina de precisión con mira telescópica-. É como no tiro olímpico:respirar e apuntar. Non fallas nunca."
Miguel Anxo Murado (reporteiro na guerra de Bosnia), fragmentos de Ruído




Primeiro leváronse ós comunistas
Pero a min non me importou
Porque eu non o era

Enseguida se levaron a uns xudeus
Pero a min non me importou
Porque eu tampouco o era

Despois detiveron ós sindicalistas
Pero a min non me importou
Porque eu non son sindicalista

Logo apresaron a uns obreiros
Pero como eu non son obreiro
Tampouco me importou

Agora lévanme a min
Pero xa é tarde
Bertolt Brecht



Ven coa túa condición de humano
para sentirte máis humano,
a sentir a ausencia do berce
na distancia do esquecemento,
a sentir a erosión do tempo
que oxidou os nosos ósos
sen nome.

Ven vivir a miña paciencia incerta
que descansa sobre as secuelas
da guerra,
a esquivar a gadaña que arrastra
 a miña sorte,
a secar as bágoas caladas que
afogan as nosas almas.
Ven salvar a inocencia que se perde
entre o po e a pólvora,
e agardar nas miñas horas de exilio,
a última volta das miñas pregarias.

Ven, e cando volvas non deixes
de ser o eco da miña  humana voz
que reclama con boca seca a LIBERDADE
Saleh Abdalahi (poeta saharaui)

 

 

A UNS VISITANTES OCCIDENTAIS    Saadi Yusuf (poeta iraquí)

Preguntámonos, por Deus, por que viñestes ata nós;
somos pobres
e bandoleiros
e pescadores dun peixe que non colma as nosas necesidades diarias
e polinizadores de palmeiras, ás veces.

As nosas casas son
la.
ou caña,
ou lama con teitos de folla de palmeira, ás veces.

A nosa roupa
é unha,
sen cores,
nin cortes nin formas,
sen cinto...
Incluso estamos espidos, ás veces.

Entón,
por Deus, por que viñestes ata nós?
Gustades, de certo, das palmeiras e o deserto?
Gustades das casas de la,
da nosa roupa,
e dos teitos de lama ?

Non nos queda,
a nós, os desollados, máis que amosarvos a brancura dos ósos.

Non vos damos,
rogámosvos...

EN SON DE PAZ. NA BIBLIOTECA MUNICIPAL E NO CORREDOR DO INSTITUTO (4-2-11)

O pasado día 4 de febreiro alumnado do Club de lectura recitou poemas pola Liberdade con sons interpretados por membros do propio Club e outro alumnado do centro na Biblioteca Municipal de Caldas.
Velaí a relación de textos, alumnado que recitou  e instrumentistas (en orde de aparición.) Prestade atención ao arquivo sonoro do propio recital!
- Que se callen los cañones de Lupércio Mundim recitado por Alexandra Pereira; Sofía Dominguez e Lucía Castro de 1º ESO, ao piano María José Rivas (2º Bach) interpretou Children's Corner de Claude Debussy.
- Un extracto do libro Animais de Séchu Sende, recitado por Nerea González (2º ESO)e ao piano Sofía Domínguez.
- Un poema de Berthold Bretch recitado por María Silva (1º Bach) e interpretado ao clarinete por Antía González
- A uns visitantes occidentais do poeta iraquí Saadi Yusuf recitado por Adrián Romero (2º Bach)e interpretado ao saxo alto por María José Rivas.
- Ven da poeta saharahui Saleh Abdalahi recitado por Claudia Iglesias (4º ESO) e interpretado por María José Rivas (improvisación sobre escala de blues.)
- Un extracto do libro Ruído de Miguel Anxo Murado, interpretado por Pablo Rodríguez (1º Bach) e acompañado por Juan Froján, (1º bach) batería e Julián Barrosa, (2º bach) guitarra eléctrica.
-O poema Digo Vietnam e basta de Celso Emilio Ferreiro interpretado por Pablo Rodríguez e Abel Rodríguez(1º Bach) e acompañados por Juan Froján, (1º bach) batería e Julián Barrosa, (2º bach) guitarra eléctrica.



Foto do recital no corredor do instituto