24/10/12

Profelectores. Morgana en Esmelle

Benvidos/as profe-lectores!!!!
Comezamos unha viaxe pola literatura galega nos recreos dos mércores, entre grolos de café e chocolatinas. A primeira parada deste traxecto é a nova obra de Begoña Caamaño, autora feminista polifacética, Morgana en Esmelle. Deixádenos as vosas sabias reflexións ou humildes comentarios e se hai algún parágrafo ou frase que vos pareza axeitado para compartir, xa sabedes...






17/10/12

Neira Vilas. Un vello rebelde!!!!


Neira Vilas, sempre un autor REBELDE

"...Teu pai dicía que as vacas o eran todo na casa. Carro, arado, grade, canizo, leite, cuxos, e un día nalgún lugar tamén carne e coiro. O leite era pouco porque era a mantenza. E ás veces inda había necesidades de vendelo, e ti ías a unha legua de camiño á casa daquel forasteiro gordo, que lle dicían o vixilante, porque tiña que ver coas obras do tren, para levarlle un cuartillo, só un cuartillo, polo que vos daba case nada, e un día doícheste de ti mesmo e da túa xente, e da miseria de ter que vender o que se necesitaba na casa, sentácheste no camiño, ó pé dun carballo, bebiches o leite que levabas e esfachicaches a botella contra unha peneda. Botaches de conta que algún día hai que arrepoñerse, inda que non sabías contra quen. E aquel vidro feito cachizas relucindo ó sol sobre a herba do monte era como unha vinganza persoal, un desafogo en contra da inxustiza de ver que uns botan por ela e outros sobreviven coma o piollo na costura ou coma tres nun zoco, troño, como dicía o padriño, que todo é caiñeza..."

09/10/12

Benvid@s!!





 Benvidos un ano máis ao noso Club. Pasade ao libro sen chamar, só tedes que abrir a primeira folla e atoparasnos a moitos. Queremos propoñervos unha viaxe de Xapón a Brasil pasando por Lalín e visitando moitos lugares sen papeis fronteira pero con follas historias. Poderiades adiviñar a que obras pertencen estes estratos seleccionados? Os membros do club de 3º da ESO ata 2º de BACH  recoñéceos e poden atravesar a selva escura das letras frondosas para guiarvos na máis apaixoada aventura da nosa época, como onte e como mañá: a lectura


  • O tío Sam: Por que será que tódolos que son coma vostede lle teñen tanto aprecio á cordura? É a que os ergue pola mañá cada día á mesma hora, ou a que os ten dicindo que si a todo o que desprezan. O seu fillo aborrecía dela. Quería ser músico nun mundo no que mandan as sirenas. Se é certo que todos o apreciabamos tanto, rindámoslle esta sinxela homenaxe.
(colle os cartos e préndelles lume. Comeza a se escoitar ao lonxe a dous borrachos cantigando unha habanera).



Mamá amaba o meu pai en silencio desde había unha chea de tempo e del todo lle gustaba, mesmo o feito de estar tolo como unha chiba. Sempre aparecía co xersei posto do revés, nunca se lembraba da estación que era e andaba con camisetas de verán ata que collía unha bronquite e dicían que estaba louco e as mozas, a pesar de ser guapísimo, non querían saber nada del debido a todas aquelas cousas, sobre todo porque aquela tolemia non estaba de moda naqueles tempos [.......]





Certas persoas, no afán de querer construír un mundo onde ningunha ameaza externa puidese penetrar, aumentan esaxeradamente as súas defensas contra o exterior, xente estraña, novos lugares, experiencias diferentes e deixan o interior desprotexido. É a partir de aí cando a Amargura comeza a causar danos irreversibles.


As mans buscáronse e pouco a pouco desposuíronse das posibles palabras para embebedarse por completo de sensacións novas e excitantes que, por primeira vez, estaban a envolvelos. Espíronse lentamente, tan lentamente que resultaría desesperante para os máis presurosos amantes. Pero eles semellaban entenderse como vellos namorados, expertos antigos, e mesmo pareceu que aquilo fose unha sorpresa, unha turbación, unha peza que faltaba no corpo dela, unha peza que sobraba no corpo del.



O desexo ocupa en min apenas un metro cadrado.





O poema é unha pedrada na cabeza
Por iso lles recomendamos aos leitores
que usen casco.





Como o esqueleto
dun coche oxidado
entre silvas e toxos:
así ti, no nicho,
cando o teu recordo
se reduza a ferruxe,
chatarra da memoria.


Dous días de condución, escoitando a radio ou, o máis do tempo, rumiando as miñas obsesións, dan para esmiuzar unha vida e repensar erros e acertos. Obrigados a elixir, as decisións que tomamos en cada etapa marcan a nosa traxectoria, condicionan e sinalan o que logo ha vir.




Escoitouse o lene e inesperado pasmo do home. Contraéronselle nun pálpito todos os músculos do corpo. Logo de verificar esa sensación, retirou rapidamente a agulla. E axiña colleu unha gasa que tiña preparada no peto e tapou a ferida. Para evitar derramamento de sangue. Era unha punta moi fina e o tempo que estivo cravada foron uns segundos de nada. Aínda que sangrase, sería moi pouco. Pese a todo, había que coidar os detalles e ser minucioso. Non podía deixar nin rastro de sangue. Unha pinga podíalle custar a vida. 



En desorde de aparición:



Agustín Fernández Paz, Non hai noite tan longa; Haruki Murakami, 1Q84;Carlos Negro, Makinaria; (Colectivo Ronseltz), Fran Alonso, Poetízate; Iolanda Zúñiga, Vidas post-it;Paulo Coelho, Verónika decide morrer; Rosa Aneiros, Resistencia; MilenaAgus, Mal de pedra; Roberto Vidal Bolaño, Saxo Tenor