31/10/11

24 de Xuño. Pic-nic literario e despedida cun poema colectivo

Na fermosa fervenza de Segade xuntámonos... e cada membro do club alí presente escribiu un verso ó chou sen saber do anterior para crear:

Na escuma dos días engadidos
branco ou verde, sol na auga.
Pasa o tempo, segue no pensamento
como rasca o zume de laranxa!
e quero o vento arquitecto
Moi boas noites e ata mañá
cando teñas que espertar non che gustará
respirando palabras aciagas
encoro de risas e lamentos

E outro poema improvisando sobre o verso anterior tal que:

Eu descanso na fervenza
empanada de sombra
non hai quen me convenza
de tirarme desa rocha
Collo na man unha machada
quero matalo sol
trastorno da miña ialma
procuro respirar con calma
que fría está a auga!
ai, ai que fría está!

02/06/11

MANIFESTO

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:


    Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade.

     Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir.

     Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

    Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?.

     O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable.

     Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.


14/04/11

TEXTOS DO 1º CONCURSO DE MICRORRELATOS

1º concurso microrrelatos

09/02/11

EN SON DE PAZ. RELACIÓN DE TEXTOS (4-2-11)


Os textos:
Digo Viet nam e basta

Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremor de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.

Apenas digo nada.
Digo ianqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.
Digo Viet Nam e está xa dito todo
cunha soa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta.
Celso Emilio Ferreiro


"-¿Sabes como se fai? Se ves tres - dicíame Sasha orgulloso e didáctico coma un barbeiro-, non lle tiras nunca ó primeiro.Tíraslle ó último. E non lle tiras á cabeza, senón a unha perna. Así os outros dous teñen que parar e dar a volta. Demasiado tempo. Tíraslle a un á cabeza e o outro queda aterrorizado. Logo tíraslle ó outro. Ó primeiro mátalo tamén ou déixalo para que siga chamando polos compañeiros. Non é difícil. Non ten dúbida. Non con este trebello -dixo, mostrándome a súa carabina de precisión con mira telescópica-. É como no tiro olímpico:respirar e apuntar. Non fallas nunca."
Miguel Anxo Murado (reporteiro na guerra de Bosnia), fragmentos de Ruído




Primeiro leváronse ós comunistas
Pero a min non me importou
Porque eu non o era

Enseguida se levaron a uns xudeus
Pero a min non me importou
Porque eu tampouco o era

Despois detiveron ós sindicalistas
Pero a min non me importou
Porque eu non son sindicalista

Logo apresaron a uns obreiros
Pero como eu non son obreiro
Tampouco me importou

Agora lévanme a min
Pero xa é tarde
Bertolt Brecht



Ven coa túa condición de humano
para sentirte máis humano,
a sentir a ausencia do berce
na distancia do esquecemento,
a sentir a erosión do tempo
que oxidou os nosos ósos
sen nome.

Ven vivir a miña paciencia incerta
que descansa sobre as secuelas
da guerra,
a esquivar a gadaña que arrastra
 a miña sorte,
a secar as bágoas caladas que
afogan as nosas almas.
Ven salvar a inocencia que se perde
entre o po e a pólvora,
e agardar nas miñas horas de exilio,
a última volta das miñas pregarias.

Ven, e cando volvas non deixes
de ser o eco da miña  humana voz
que reclama con boca seca a LIBERDADE
Saleh Abdalahi (poeta saharaui)

 

 

A UNS VISITANTES OCCIDENTAIS    Saadi Yusuf (poeta iraquí)

Preguntámonos, por Deus, por que viñestes ata nós;
somos pobres
e bandoleiros
e pescadores dun peixe que non colma as nosas necesidades diarias
e polinizadores de palmeiras, ás veces.

As nosas casas son
la.
ou caña,
ou lama con teitos de folla de palmeira, ás veces.

A nosa roupa
é unha,
sen cores,
nin cortes nin formas,
sen cinto...
Incluso estamos espidos, ás veces.

Entón,
por Deus, por que viñestes ata nós?
Gustades, de certo, das palmeiras e o deserto?
Gustades das casas de la,
da nosa roupa,
e dos teitos de lama ?

Non nos queda,
a nós, os desollados, máis que amosarvos a brancura dos ósos.

Non vos damos,
rogámosvos...

EN SON DE PAZ. NA BIBLIOTECA MUNICIPAL E NO CORREDOR DO INSTITUTO (4-2-11)

O pasado día 4 de febreiro alumnado do Club de lectura recitou poemas pola Liberdade con sons interpretados por membros do propio Club e outro alumnado do centro na Biblioteca Municipal de Caldas.
Velaí a relación de textos, alumnado que recitou  e instrumentistas (en orde de aparición.) Prestade atención ao arquivo sonoro do propio recital!
- Que se callen los cañones de Lupércio Mundim recitado por Alexandra Pereira; Sofía Dominguez e Lucía Castro de 1º ESO, ao piano María José Rivas (2º Bach) interpretou Children's Corner de Claude Debussy.
- Un extracto do libro Animais de Séchu Sende, recitado por Nerea González (2º ESO)e ao piano Sofía Domínguez.
- Un poema de Berthold Bretch recitado por María Silva (1º Bach) e interpretado ao clarinete por Antía González
- A uns visitantes occidentais do poeta iraquí Saadi Yusuf recitado por Adrián Romero (2º Bach)e interpretado ao saxo alto por María José Rivas.
- Ven da poeta saharahui Saleh Abdalahi recitado por Claudia Iglesias (4º ESO) e interpretado por María José Rivas (improvisación sobre escala de blues.)
- Un extracto do libro Ruído de Miguel Anxo Murado, interpretado por Pablo Rodríguez (1º Bach) e acompañado por Juan Froján, (1º bach) batería e Julián Barrosa, (2º bach) guitarra eléctrica.
-O poema Digo Vietnam e basta de Celso Emilio Ferreiro interpretado por Pablo Rodríguez e Abel Rodríguez(1º Bach) e acompañados por Juan Froján, (1º bach) batería e Julián Barrosa, (2º bach) guitarra eléctrica.



Foto do recital no corredor do instituto