07/10/10

O LIBRO QUE PETOU NO MEU CORAZONCIÑO

Cóntanos cal foi ese libro que causou horas e horas de insomnio. Dinos o título, autor/a e fainos unha breve reseña!

2 comentarios:

José Alfonso Romero P.Seguín dixo...

O Resplandor de Portugal” de Antonio Lobo Antunes,

Ler a novela de Antonio Lobo Antunes, é como ler espellos desazougados. Pero non nun lugar aséptico, e arrombado para tan plácida tarefa, senón lelos de pé ou en crequenas alí onde podrecen xa esquecidos.
Luanda e Lisboa, Lisboa e Luanda, África e Europa en definitiva, maldicindo ambas na sombría e decadente imaxe da súa memoria o menor escintileo de esperanza. Así son os personaxes. Sentes que as imaxes entran e saen deles confundidas como o fan no crisol do espello corrompido as siluetas que non saben onde empeza a sombra que son e onde a sombra que foron. Para ir dotando de sentido o sinsentido dunhas vidas derrotadas ata máis aló da culpa. Unhas vidas atadas a un esplendor fraguado sobre a miseria doutros e como tal miserable.

África ofreceulles ademais da oportunidade de prosperar economicamente, a posibilidade de ser un grotesco remedo dese status de dignidade que na orgullosa e decadente Europa negábaselle. Buscaban, e así o expresaban, en África, algo máis que riqueza, a estima social, a necesaria reafirmación persoal da súa singular condición, e un día descobren nos enfraquecidos e humillados ollos dos negros que os serven, que non son senón os negros dos brancos fillos da metrópole. E o que é máis terrible aínda, que en tan pírrico viaxe dilapidaron non só as súas vidas senón as de miles de homes. Pero como comprendelo, sinxelamente non poden, débense á lexítima vontade de sobrevivir, e que mellor para iso que vivir a través da memoria para recordar sen outra culpa que a de non permitir nunca que a imaxe os mostre terribles e completos no espello da súa alma.

Os pobos derrótanse home a home, e unha vez xacen derrotados todo cando nace das súas mans faino baixo este terrible designio, ata ese día en que home a home levántase como pobo, para un resplandor fugaz pero capaz de dotalos da dignidade que como pobo se merecen. A colonización xunto coa ditadura sufocou e derrotou a Portugal, a Revolución Dos Caraveis ergueunos na máis digna das vitorias. Esa é a flor oculta que non nomea Antunes, pero sobre a que cimenta a magnífica catedral dos seus soños.
José Alfonso Romero P.Seguín.
(Club lectura pais)

Alexandra. 1º EsO B dixo...

Un libro que petou no meu corazonciño foi A historia de Erika, un libro do club de lectura que trata dunha nena xudea na época da 2ª Guerra Mundial. Deixovos un fragmento do libro que me gustou especialmente:
"Hoxe a sua árbore volve a ter raíces e a súa estrela aínda brilla no ceo..."